Thursday 16 de May de 2024

O Goberno galego ten investidos máis de 23 millóns na modernización da Administración de Xustiza ao abeiro do Plan Senda


Completouse a renovación de case 3.000 equipamentos informáticos e a día de hoxe 9 de cada 10 ordenadores dos xulgados teñen menos de cinco anos de antigüidade

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou que o Goberno galego ten investidos máis de 23 millóns de euros na modernización da Administración de Xustiza ao abeiro do Plan Senda co obxectivo de introducir as TIC na Xustiza da Comunidade galega.

Durante a rolda de prensa do Consello, Feijóo lembrou a posta en marcha, xa na pasada lexislatura, de dous ambiciosos plans para dotar os xulgados de Galicia dos medios materiais que precisan. Así, no eido das infraestruturas, destacou a posta en marcha dun plan dotado con 100 millóns de euros que ten permitido, indicou, “finalizar as reformas dos xulgados de Ferrol; poñer en marcha o novo edificio xudicial de Santiago; estar a piques de rematar o novo edificio xudicial de Ourense; en execución as obras da Fábrica de Tabacos da Coruña para unha nova sede xudicial; e ter as partidas necesarias para que cando teñamos á disposición -como tivemos en Santiago, en Ourense, na Coruña ou en Ferrol-, poder acometer o mesmo en Vigo e en Pontevedra; ademais de numerosas obras menores nos xulgados para que estean en mellores condicións”, detallou.

Respecto ao segundo plan, o Plan Senda, o presidente da Xunta explicou que se refire á aposta por infraestruturas “claves”: as infraestruturas tecnolóxicas. “Nestes cinco anos de Goberno levamos investido, no ámbito das infraestruturas tecnolóxicas na Xustiza en Galicia, 23 millóns de euros”. Un investimento, dixo, “aínda máis importante tendo en conta que se produciu nos momentos da recesión económica na Comunidade”. Así, incidiu, “lonxe de aproveitar a crise para dicir que non tocaba investir no ámbito tecnolóxico en Xustiza, tentamos facer un esforzo investidor –e así o acreditan os datos-, sen precedentes no que a tecnoloxía na Xustiza se refire”.

Entre os aspectos máis importantes do plan, Feijóo remarcou, a modo de balance, que a totalidade das salas do sistema xudicial galego contan hoxe cun sistema de gravación de vistas e que se implantou un sistema de videoconferencia en 60 delas, o que supón, dixo, “unha media de 3.000 videoconferencias ao ano”, coa conseguinte redución de custos e tempos.

Así mesmo, completouse a renovación de case 3.000 equipamentos informáticos e a día de hoxe nove de cada dez ordenadores dos xulgados galegos teñen menos de cinco anos de antigüidade; e consolidouse o Sistema Minerva en todas as sedes xudiciais e o Fortuny nas Fiscalías, habilitándose, ademais, a itinerancia entre ambas as dúas, posibilitando a comunicación telemática entre órganos xudiciais e fiscalías.

Nesta mesma liña, Feijóo referiuse tamén á informatización de todos os rexistros civís de Galicia e de 270 xulgados de paz; á implantación no Instituto de Medicina Legal dun sistema informático de xestión, con envío de citas mediante mensaxería móbil e coa axenda electrónica forense; e á entrada en funcionamento do portal www.xustiza.es, que permite a consulta na rede das vistas a través dunha axenda de sinalamento, así como numerosa información de interese para calquera persoa que acceda aos tribunais.

O titular da Xunta lembrou, por outra banda, a completa implantación do sistema de comunicacións seguras Lexnet, que desde 2010 rexistrou máis de 10 millóns de notificacións xudiciais. Ao fío disto, Feijóo avanzou que este mes de novembro empezará a funcionar de xeito pioneiro na Coruña e en Pontevedra un sistema para a presentación telemática de denuncias.

“Temos dado un salto cualitativo na modernización da Xustiza, queremos agradecer a colaboración dos xuíces, dos fiscais, dos secretarios xudiciais, de todo o persoal da Xustiza en Galicia; e estamos en condicións para asumir dous compromisos”, aseverou Feijóo: “dedicar 7,7 millóns de euros para seguir informatizando a Administración de Xustiza no próximo ano, e presentar un novo Plan Senda ata o ano 2020, que é a nosa etapa e a nosa meta para a tecnificación e a informatización completa da Administración de Xustiza na Comunidade autónoma”, concluíu.